Dous accidentes con alcoholemia positiva moi elevada en dous días en Poio
Por Redacción
A Policía Local de Poio tivo que intervir durante os dous últimos días en dous accidentes de tráfico en distintos puntos do municipio nos que os condutores do vehículo deron positivo en alcoholemia.
O primeiro rexistrouse sobre as 20:20 horas da tarde do luns, 26 de febreiro. Despois de producirse unha colisión entre dous turismos, o condutor que provocou o accidente continuou a marcha sen facilitar os datos e a Policía Local accedeu á autoestrada AP-9 dende Poio cara Pontevedra e seguino ata que regresou a Poio e finalmente lograron interceptalo na avenida da Barca.
O condutor conducía baixo a influencia do alcol, dando un resultado de 0,91 e 0,89 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
Tamén deu positivo no test de drogas en THC e a Policía Local localizou pequenas cantidades de haxix que foron intervidas. Os policías fixeron unha proposta de sanción á Subdelegación do Goberno en Pontevedra por tenza de substancias prohibidas na vía pública.
Os feitos son constitutivos dun delito contra a seguridade vial e as dilixencias serán trasladadas ao xulgado de garda para celebración dun xuízo rápido.
O segundo accidente rexistrouse sobre as 17:20 horas deste martes na Rúa do Muiño, en San Xoán de Poio. Neste caso, só houbo un vehículo implicado, que envorcou e caeu ao río.
Ao someter ao condutor á proba de alcoholemia, comprobouse que conducía baixo a influencia do alcol, dando un resultado de 0,81 e 0,81.
Os feitos son constitutivos dun delito contra a seguridade vial e as dilixencias serán trasladadas ao xulgado de garda para celebración dun xuízo rápido.
O condutor foi trasladado ao hospital con feridas, en principio, leves.