SPJ-USO reclama unha solución urxente ás humidades na Audiencia Provincial
Por Redacción
O sindicato SPJ-USO exixíu formalmente por escrito que se ofreza unha solución urxente á problemática das humidades existentes na Audiencia Provincial de Pontevedra. Indican que esta incidencia se produce especialmente na oficina da Sección 4ª do edificio da Audiencia Provincial.
Este sindicato publicou nas súas redes sociais as queixas indicando que esta problemática se arrastra desde hai tempo. O problema máis grave rexistrábase no mes de novembro cunha inundación.
Lamentan o atraso no arranxo integral da cuberta do edificio. Inciden en que, a solicitude dos traballadores, é necesaria unha solución inmediata a este problema de humidade. Afirman que "non se pode pasar por alto que a situación da sección 4, ademais de lamentable esteticamente, é prexudicial para a saúde dos traballadores". Neste sentido, argumentan que varios traballadores sofren problemas de asma, alerxia e similares que se están a agravar pola situación laboral que "se ven obrigados a sufrir a diario".
Solicitan unha solución "aunque sexa de maneira provisional" a estes defectos na Sección 4ª. En caso contrario, advirten de que o sindicato denunciará a situación ante a Inspección de Traballo, se non reciben unha resposta afirmativa á solicitude.