O Parador de Pontevedra, pechado ata setembro por obras de reforma
Por Natalia Puga
O Parador de Pontevedra pechou ao público este mércores 1 de marzo e permanecerá sen actividade previsiblemente ata o mes de setembro para poder realizar obras de reforma.
Así o confirmou a este xornal a directora do Parador pontevedrés, Meritxell Marcos. Este mércores atenderon aos seus últimos clientes e aínda non teñen data de apertura, pero si avanza que será en setembro e que esperan que sexa antes da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon 2023, que se celebrarán na cidade entre os días 20 e 24.
Así, segundo explicou, o seu obxectivo é ter o establecemento a punto para acoller aos hóspedes vinculados con esta competición deportiva. De feito, tiñan previsto empezar as obras en abril e decidiron adiantalas a marzo para poder ter máis marxe e rematalas para esa cita de índole internacional.
Durante seis meses, realizarase unha obra xa autorizada para a reforma do tellado, as cubertas e o acceso do pazo Casa do Barón e están tamén xestionando as autorizacións para poder actuar tamén nas tubaxes do establecemento. A súa intención é renovar toda a instalación.
Os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2023 recollen unha partida na que Paradores destinará 470.000 euros ás obras de mellora deste establecemento en Pontevedra, dentro do programa de investimentos que aprobou para todos os seus centros galegos.
O Parador de Pontevedra é un palacio renacentista do século XVI que foi residencia dos Condes de Maceda. Como Casa dos Maceda, foi o primeiro Parador que abriu en Galicia, o 15 de xaneiro de 1955.