Carmela Silva destaca a "transformación total" que están a supoñer os investimentos da Deputación no concello de Poio
Por
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, e membros da corporación municipal, visitou este xoves as obras de recuperación do ámbito das rúas Saíñas e Puntada que "están a supoñer unha transformación total" na parroquia de San Salvador.
Esta actuación conta cun investimento de preto dun millón de euros, financiada ao abeiro do Plan provincial ReacPon e que se espera que estea rematada nun prazo de dous meses.
O proxecto inclúe a execución dunha plataforma única e zonas de convivencia persoas-vehículos, así como a reorganización da circulación rodada e a introdución de elementos de calmado de tráfico.
A presidenta sinalou que esta intervención "é un exemplo de obra" destacando que "non só vai dotar dunha enorme calidade urbana á contorna", senón que cumpre coa aposta da Deputación e o Concello pola mobilidade amable, "que permite que a xente sexa a dona do espazo público e que poida usalo dunha forma prioritaria".
Os traballos están executados nun 80% e abranguen un espazo de 1,5 quilómetros, cunha superficie total de 5.639 metros cadrados, coidando tanto "o salientable aspecto estético" como a renovación das redes de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e alumeado público, "apostando pola eficiencia e sostibilidade".
Carmela Silva dixo estar "segura" de que Poio tamén presentará "un gran proxecto" ao novo plan da Deputación, o Pon2030, tras enxalzar "a boísima relación a través do diálogo e o compromiso compartido" que manteñen ambas administracións.
Pola súa banda, Luciano Sobral sinalou que esta obra "é moi importante" para esta parroquia de San Salvador, "que é a máis poboada e que amais ten un valor histórico desde o que significa a figura do Colón e a teoría do Colón galego".
O alcalde de Poio tamén felicitou á Deputación polo "sistema de financiación dos concellos e os plans que aprobou para que os municipios teñamos claro o que nos corresponde e as actuacións que podemos levar a cabo, e non ter que andar chorando, pedindo ou tocando nas portas".
O rexidor confirmou que o Concello de Poio seguirá optando aos plans que se aproben e amosou a disposición "para seguir da man construíndo unha provincia, neste caso un concello, do que a xente poida sentirse orgullosa".
Relacionadas:
-
A Deputación mobiliza outros 11,1 millóns de euros "para seguir garantindo dereitos e servizos na provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
PON 2030, o novo plan da Deputación para "dotar de recursos extraordinarios aos concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de reforma integral entre Saíñas, A Puntada e Portosanto completan a súa primeira fase
Por Redacción |
-
Comezan as obras de rehabilitación de Portosanto, Saíñas e A Puntada
Por Redacción |