Marzo, un mes centrado nas mulleres e as persoas maiores en Caldas
Por Redacción
O 'Fogar do Maior' e o Centro de Información á Muller (CIM) serán durante o mes de marzo o epicentro da programación formativa e cultural de Caldas de Reis.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Inés Fuentes, presentou este xoves a programación do mes de marzo e explicou que contan cunha ampla oferta de programas de benestar, convivencia, cultura e igualdade e que supón retomar "a pleno rendemento" as actividades dirixidas ás persoas maiores e ás mulleres de todas as idades.
O programa de actividades empeza para público infantil e familiar este domingo 5 de marzo ás 18 horas no auditorio municipal, coa representación teatral sobre a infancia de Rosalía, dirixida por Fina Quella, e a cargo de Rocío González e Cristina Collazo.
Con motivo do Día Internacional da Muller, o 8M, ás 11.30 horas procederase á lectura dun manifesto e representarase o espectáculo de clown, con malabares e equilibrios, 'Circo na casa' sobre os roles entre homes e mulleres e a favor da igualdade de xénero.
Hai programadas dúas xornadas de convivencia ao longo do mes. A primeira, para persoas maiores, será o sábado 11 de marzo, e arrincará ás 12.00 horas no auditorio cun Monólogo do popular 'Isi' da CRTVG, que continuará cun cocido no Restaurante Lotus e posterior sesión de Baile con música en directo a cargo do Dúo 'Os Dinámicos'. As inscricións realizaranse no Fogar do Maior o 8 de marzo de 9 a 12h.
A segunda xornada de convivencia está dirixida a mulleres maiores de 18 anos, desenvolvéndose na residencia de tempo libro de Panxón. As inscricións realízanse no Centro de Información á Muller de Caldas e no teléfono 986 530814.
Un roteiro pola igualdade celebrarase o domingo 12 de marzo, con saída desde o Paseo Román López. É necesario inscribirse previamente no teléfono 625482636, ou por correo electrónico en inscripcionesnaturgaliz@gmail.com
A programación inclúe tamén unha viaxe cultural á cidade portuguesa de Aveiro o venres 17 de marzo. As inscricións previas realizaranse no propio Fogar do Maior os días 9 e 10 de marzo entre as 9 e as 12 horas.
Desde a Biblioteca Municipal programouse un 'Encontro coas Letras' con Charo Pita, dirixido a público adulto, para o 17 de marzo ás 20,30 horas. E para o 24 de marzo á mesma hora 'Coa palabra na boca' con María dá Pontragha, tamén para público adulto. O venres 31 de marzo 'Animais do bosque' con Trinketrinke, dirixida a público infantil e familiar (desde os 4 anos).
A partir do 20 de marzo retómanse un gran número de obradoiros sobre temáticas como a alfabetización dixital (informática e internet), estimulación cognitiva (memoria), novas tecnoloxías para o uso do móbil, manualidades, pintura, pilates e ximnasia abdominal hipopresiva. As inscricións realizaranse no Fogar do Maior os días 13 e 14 de marzo, de 9 a 12 horas.
Relacionadas:
-
A Banda de Caldas de Reis leva a música ás parroquias
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas quere rachar este 8M cos estereotipos e coa violencia de xénero
Por Redacción |
-
Maica Larriba, subdelegada do Goberno, aposta por seguir avanzando en políticas feministas
Por Redacción |
-
A Illa de Arousa súmase aos actos polo 8M
Por Redacción |
-
Caldas elabora da man do sector a candidatura do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
Por Redacción |
-
Pilar Martínez Hervés recibirá o premio 8 de marzo de UGT
Por Redacción |