Comuneiros de toda Galicia inician unha campaña contra "o intento do PP de privatizar o monte comunal"
Por Oskar Viéitez
A Organización Galega de Comunidades de Montes (OGCM) xunto ás Mancomunidades de Montes Veciñais de Barbanza, Vilagarcía, Pontevedra, O Morrazo, Vigo e Val Miñor, acordaron iniciar unha campaña de información e sensibilización á cidadanía contra "o intento do PP de privatizar o monte comunal".
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves en Pontevedra expresaron o seu rexeitamento á lei que elabora o Partido Popular de Galicia sobre o monte comunal que, ao seu xuízo, pretende "privatizar" o terreo comunal para "entregalo a intereses de empresas privadas, como as eólicas".
Aseguran que esta lei supón "usurpar" a histórica propiedade veciñal, suprimindo o carácter germánico da súa titularidade, ao permitir que unha persoa xurídica poida ser comuneiro e titular do terreo, rompendo a relación histórica da veciñanza co monte "para que a partir de agora se poda comprar, vender, herdar, comercializar".
Entenden que dotar ás comunidades de montes de personalidade xurídica esconde a "clara intención" de que deste xeito poidan ser comercializadas "e ser acaparadas por intereses económicos, especulativos ou urbanísticos alleos aos intereses dos comuneiros".
O presidente da OGCM, Xosé Alfredo Pereira, lamentou que o Partido Popular e o Goberno da Xunta non tivesen en conta as súas propostas para a nova lei de montes veciñais, nin sequera a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) avalada polas firmas de 12.010 persoas, apoiada polas comunidades de montes que integran esta organización e tamén por acordos maioritarios de numerosos concellos e das deputacións.
Xosé Alfredo Pereira confía en poder parar esta reforma legal "a través de procesos democráticos" e que a ILP poida sexa debatida no Parlamento Gallego.
O próximo día 18 terá lugar na localidade pontevedresa de Tomiño unha asemblea xeral desta organización, que estará aberta a todas as comunidades de Galicia, co obxectivo de poñer en marcha esa campaña informativa.
Estes colectivos subliñan a necesidade de conseguir unha lei de montes veciñais que defenda o carácter germánico destas terras e iguáleas coas titularidades públicas e privadas.
Relacionadas:
-
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra elixe Xunta Provisional
Por Redacción |
-
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, disposta a demandar ao Concello pola cobranza indebida do IBI
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros mobilízanse para "parar o roubo dos montes veciñais en man común"
Por Oskar Viéitez |