O programa que axuda a atopar emprego, Ponte ao Choio! celebra a súa segunda edición no Mercado Municipal
Os días 17 e 18 de marzo celebrarase na segunda planta do Mercado Municipal de Pontevedra a II Edición Ponte ao Choio, un taller destinado a impartir técnicas e ferramentas que axuden á xente a atopar traballo.
Os profesionais Damián Pazos, produtor audiovisual da firma Pixelecer; a psicóloga Noelia Quintana; e Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, serán os encargados de dirxir as diversas actividades.
Xunto a eles, a concelleira de Promoción, Económica Yoya Blanco, presentou este venres a programación destas xornadas que tiveron un gran éxito na súa primeira edición, tal e como explicaba a edil.
O evento divídese en duas partes: un circuíto curricular que inclúe asesoramento do currículo, fotografía curricular e videocurrículo, e dúas charlas tituladas O currículo vitae, a túa porta cara o emprego e Claves para unha entrevista de traballo exitosa.
O videocurrículo poderase realizar de dúas maneiras: unha express dirixida a xente con menor experiencia ou formación e, en consecuencia, cun currículo máis reducido, e outra estándar que profunde naquilo que queira contar o suxeito. Ademais, Damián Pazos destacaba a importancia de novos formatos como este a hora de buscar traballo, moi utilizado en plataformas como LinkedIn.
A primeira das charlas, O currículo vitae, a túa porta cara o emprego, falará da importancia de elaborar un bo currículo que mostrar ás empresas. A segunda charla, Claves para unha entrevista de traballo exitosa, centrarase nas técnicas para afrontar unha entrevista de traballo.
"Moitas veces non amosamos todo o que sabemos nas entrevistas de traballo. O que queremos é que a xente poida demostrar as súas competencias", apuntaba Beatriz Císcar, que aseguraba que unha das claves á hora de afrontar unha entrevista é ter seguridade nun mesmo, algo que se traballará nos talleres de Ponte ao Choio.
O circuíto curricular dividirá os seus talleres en dúas quendas: un matutino desde as 10:00 ata as 14:00 horas, e outro de 16:00 a 18:00 horas. As charlas comezarán ás 18:00 horas e terán unha duración estimada de dúas horas. A inscrición realízase vía online na web Ponteaochoio.eu e o límite de prazas será de 15 por día para o circuíto curricular.
As charlas, por outra banda, terán un número de prazas máis flexible e tamén se retransmitirán vía streaming. O prazo de inscrición pechará o 16 de marzo, un día antes do comezo de Ponte ao Choio.