Lentes violeta en Cuntis para pensar en igualdade
Por Redacción
O CPI Aurelio Marcelino Rey acollía este luns a presentación de 'Miradas Violeta', a campaña do Concello de Cuntis para conmemorar o Día Internacional da Muller durante este 2023.
Escolares de primeiro e cuarto da ESO elaboraron lentes violetas coa axuda de técnicas municipais. Con estes elementos queríase facer socialmente máis visibles situacións de desigualdade entre mulleres e homes.
Con estas lentes preténdese que a sociedade pense en clave de igualdade dentro dunha campaña na que se recollen cincuenta situacións diferentes que mostran á muller en situación de desigualdade.
Ao longo do martes, o centro sociocultural Patelas será escenario dunha actividade coa presentación de 'Instante Gradual', de Kirenia Martínez con danza contemporánea, previa á presentación do taller de danza e movemento que a artista impartirá en Cuntis en colaboración con Leodan Rodríguez e Lía Brea. Comezará este martes 7 ás 17.00 horas. Para participar neste taller é preciso presentar solicitudes no Rexistro do Concello.
A xornada complétase con 'Circo na casa', de Mere Clown e unha sesión matinal do 'Círculo das Emocións', de Marcela Santorum.
Xa o 8 de marzo darase lectura a un manifesto conmemorativo do Día Internacional da Muller na Praza da Constitución a partir das 12.00 horas. O Concello de Cuntis convida á cidadanía para participar na concentración na que se mostrará a pancarta e símbolos relacionados co 8M.