Arrinca 'Mulleres adiante' coa lectura dun manifesto que reivindica "unha cuestión tan obvia" como é a igualdade
"Este manifesto é todo un reto personal. Supón afrontar medos e a famosa síndrome da impostora que todas as mulleres vivimos dunha ou doutra maneira ao longo da nosa vida". Así comezaba a xornalista de PontevedraViva Natalia Puga a lectura do Manifesto institucional polo 8M, Día Internacional da Muller, que tivo lugar este martes no Concello de Pontevedra no que tamén estivo presente Yoya Blanco, a concelleira de Igualdade.
O escrito reivindica "o dereito a non ter que pedir perdón por ser fortes ou querer ocupar espazos da vida pública" e afirma que "parece mentira que a esta alturas, sexa necesario insistir nunha cuestión tan obvia" como é a igualdade.
A xornalista tamén incide en que aínda "hai persoas que negan as violencias sobre as mulleres, que negan as desigualdades evidentes a nivel económico ou social, que seguen a apostar por modelos que oprimen, invisibilizan e borran as mulleres".
Este acto marcou o inicio de 'Mulleres adiante', a campaña institucional do Concello con motivo da celebración do 8M.
Ademais, na Casa da Luz, reuníronse Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; numerosos concelleiros do BNG, do PSOE e do PP; e outras mulleres protagonistas nesta iniciativa, como a xornalista Natalia Puga ou Sara Docampo, deseñadora da campaña gráfica, para despregar a lona co lema reivindicativo.