Nauta Sanxenxo solicita novos movementos de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos
Por Redacción
A empresa municipal Nauta Sanxenxo tramitou ante a delegación provincial de Costas a autorización para levar a cabo novos movementos de area nas praias da Carabuxeira e Lavapanos, do mesmo xeito que xa se realizou durante o verán de 2022.
Telmo Martín, alcalde do municipio, visitaba os areais este mércores acompañado por representantes da empresa que realiza os traballos de mantemento destes espazos. Alí avaliaron a cantidade de area que se desprazou estes meses co obxectivo de estudar a reposición antes do verán.
Segundo o goberno local, os prazos que se establezan virán marcados pola idoneidade das mareas para recolocar a area que se atopa nas zonas frontais das praias.
Nauta Sanxenxo mantén a tramitación do proxecto definitivo de rexeneración coa achega de 17.000 metros cúbicos de area e a creación dun dique de contención formado por un núcleo de formigón forrado de granito.
A intención do goberno local é que este dique permita ir unindo as rocas existentes na zona para rebaixar o seu impacto. O ancho do espigón establécese en 2,24 metros e a lonxitude será ao longo de case cen metros da praia.
Esta actuación supoñerá a retirada dos tubos xeotéxtiles que se instalaron na fase provisional en 2021. A esta intervención sumaríase a reposición de 27.000 metros cúbicos de area nas dúas praias, cantidade da que xa se achegaron 10.000.
A empresa municipal estuda alternativas para mellorar os accesos, despois de que Costas rexeitase o paseo litoral e apostase por un de tipo desmontable ou de carácter fixo en servidume de paso. O goberno local ten intención de comunicar, a través dunha senda, todo o litoral de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Conclúe a achega de area para as praias da Carabuxeira e Lavapanos
Por Redacción |
-
Comezan os traballos de redistribución da area nas praias de Carabuxeira e Lavapanos
Por Redacción |
-
Panadeira, Silgar, Canelas e Caneliñas estarán balizadas xa na Semana Santa
Por Redacción |
-
A Xunta considera que o dique de contención de area na Carabuxeira non terá impacto ambiental
Por Redacción |
-
Inician os preparativos da próxima tempada de praia en Sanxenxo
Por Redacción |
-
A area depositada na Carabuxeira na primavera de 2021 logrou fixarse na praia
Por Redacción |
-
Lavapanos xa loce o seu novo aspecto tras a súa rexeneración
Por Redacción |