Reabre a estrada de Campañó tras reparar o tramo que cedeu polas chuvias
Por Redacción
Tras e medio de obras, a estrada EP-0017, que une O Vao con Campañó, volve estar en servizo. Reabriu este mediodía tras completarse as obras de emerxencia acometidas para reparar o tramo da calzada que cedeu a causa dos temporais de choiva do pasado mes de xaneiro.
Os traballos, adxudicados polo procedemento de emerxencia e cun custo de 150.000 euros, están xa rematados a falta dos últimos retoques.
A reparación afectou a un tramo de 100 metros e comezou pola retirada do coche que foi arrastrado polo derrubamento da vía cara o terraplén lateral.
Ademais, foi preciso limpar todas as escorrentas de terras que se produciron ladeira abaixo e que afectaron a varias parcelas privadas.
A construción dun gran muro de contención e a ampliación da drenaxe transversal, cun incremento de sección para evitar que o problema de saturación polos arrastres de terra se repita no futuro, deron paso ao aglomerado da calzada e ao pintado.
Tamén se executou unha rampla de acceso a unha finca que resultou afectada pola construción do muro de contención.
Os operarios continuarán traballando nos próximos días para formigonar pequenas seccións na cuneta e tamén coa sinalización horizontal, que será preciso repasar unha vez que as condicións meteorolóxicas permitan pintar nas condicións máis axeitadas.
Relacionadas:
-
A reparación do treito afundido da estrada O Vao-Campañó "será unha obra de envergadura"
Por Redacción |
-
Actúan de emerxencia sobre a carretera que esborrallou en Campañó para evitar danos maiores
Por Redacción |
-
Afunde un treito da estrada de Campañó e 'traga' un coche que pasaba por ela
Por Redacción & Mónica Patxot |