Comezan as obras de recuperación na contorna da antiga escola unitaria de Tarrío
A actuación consistirá en dotar á contorna da antiga escola unitaria de Tarrío, na parroquia de Samieira, de mobiliario de pedra, servizos básicos, superficie de empedrado e aparellos biosaudables. O edil de Promoción Económica e Turismo, Gregorio Agís, estima que a obra estará terminada antes de verán.
Este traballo de recuperación trátase dun proxecto cun orzamento de 91.000 euros, financiado a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación inclúe unha rede de pluviais xunto á substitución da súa superficie actual e a instalación dun rocódromo.
Desde o Concello de Poio explican que este lugar é "unha zona de encontro habitual para maiores e crianzas". Ademais, o edil de Promoción Económica ve nesta obra de renovación unha oportunidade de recuperar un espazo que "será de gran atractivo, nunha contorna privilexiada como é esta zona, nas proximidades da ruta dos muíños de Samieira".
Doutra banda, Agís lembra que, desde hai unhas semanas, tamén está en marcha a primeira fase da senda peonil que une a PO-308, á altura do Laño, co roteiro dos muíños.