Orde nacional e internacional de detención do salesiano condenado a 32 anos de prisión por abusar de menores
Por Redacción
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra emitiu este venres un auto no que acorda expedir as ordes de detención e ingreso en prisión de ámbito nacional e internacional co obxectivo de que se localice ao sacerdote dun colexio de Vigo que fora condenado a 32 anos e medio de prisión ao demostrarse que abusou de seis menores.
O tribunal na resolución sinala que o informe remitido pola Garda Civil de Cambados expón que "fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado".
As maxistradas do tribunal sinalan tamén no auto que o salesiano non se presentou de forma voluntaria no centro penal ao expirar o prazo de tres días que se lle concedeu o 23 de febreiro. Ante esta situación, o día 27 acordábase a remisión dunha orde de detención e ingreso no cárcere.
A Garda Civil de Cambados comunicaba á Audiencia durante o 13 de marzo a imposibilidade de dar cumprimento á orde ao non localizar ao condenado no seu domicilio habitual.
Tras recibir o informe, o tribunal acordaba expedir as ordes de detención e ingreso en prisión de ámbito nacional e internacional, ordes que se incluirán no Sistema Integrado de Rexistros Administrativos de Apoio á Actividade Xudicial (SIRAJ) para que sexan plenamente efectivas.
O tribunal tamén require á Comunidade Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo, que prestou o día 30 de abril de 2020 unha fianza de 12.000 euros para garantir a liberdade provisoria do sacerdote que, na súa condición de entidade fiadora, no prazo de dez días presente ao condenado #ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para executar a sentenza. En caso de non facelo, as xuízas adxudicarán a fianza ao Estado.