O Banco de Alimentos Rías Baixas distribuiu este ano 93 toneladas de alimentos desde Sanxenxo
Por Redacción
Máis de 93 toneladas de alimentos xestionados polo Banco de Alimentos Rías Baixas saíron ao longo de 2013 desde a súa sede no Centro de Interpretación As Telleira (Vilalonga). Foron cedidas por cadeas de alimentación, supermercados, empresas e particulares, aínda que tamén foron conseguidos a través das coñecidas como 'operación quilo' e outras iniciativas de carácter solidario.
"Cremos dende o primeiro minuto na importante labor que desempeñaría esta asociación e por iso, cando nos presentaron o proxecto hai dous anos, non dubidamos en ofrecerlles as instalacións de As Telleiras como centro para desenvolver a súa actividade que abrangue unha zona moi ampla", comentou a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, que visitou este luns a sede desta asociación sen ánimo de lucro.
E é que desde o Banco de Alimentos Rías Baixas entregan comestibles, fundamentalmente produtos non perecedoiros, a cincuenta ONG, comedores ou organizacións asistenciais da comarca do Salnés, Pontevedra cidade e o norte da provincia, o que lles permite prestar atención a máis de 1.200 familias que nestes momentos necesitan apoio.
"No entregamos directamente los productos a sus destinatarios sino a las asociaciones sin ánimo de lucro, que deben justificar las necesidades, aportando copia de la documentación de las personas que precisan esta ayuda", comentou Manuel Fernández, quen incidiu en que este ano foron entre 4.000 e 5.000 os beneficiarios desta prestación.
Unha trintena de voluntarios, dos que doce realizan esta tarefa de forma estable e diaria, son os encargados de levar a cabo a descarga dos produtos cedidos, de clasificalos por data de caducidade e de distribuílos.
"Hacen desinteresadamente un trabajo fuera de serie, comenzando muchos días a las nueve de la mañana y terminando a las once de la noche", recordou o presidente do Banco de Alimentos Rías Baixas, quen agradeceu ademais a solidariedade de todas as persoas que interveñen na cadea e que posibilitaron "que pasásemos de los 30.000 kilos recaudados en 2012 a las 93 toneladas de 2013".