Alivian a presión do Álvarez Limeses habilitando un novo colexio electoral no edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez
O vindeiro domingo 28 de maio celebraranse as eleccións municipais e, á marxe de cuestións políticas, xa se está traballando en toda a loxística relacionada con esta importante convocatoria.
Unha das novidades en relación a esa xornada de votacións está no colexio electoral habilitado no Álvarez Limeses.
Segundo informou este luns a portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, unha parte das persoas que acudían a votar a este colexio terán que desprazarse ata o edificio da Xunta en Benito Corbal.
A decisión acordouse entre o goberno local e o autonómico para aliviar a presión que existía no Álvarez Limeses, onde se rexistraban importantes aglomeracións o que xa xerou algúns problemas en anteriores convocatorias para manter a distancia de seguridade con motivo da pandemia.
De modo que, para maior comodidade para todas as persoas que acoden este día ao Álvarez Limeses, trasladaranse mesas electorais ao edificio de Benito Corbal.
"Desde hai semanas mantemos conversas coa Xunta de Galiza, e podemos dicir que agradecemos a súa colaboración e disposición, para resituar algunhas das mesas deste colexio no salón de actos do edificio da Xunta
en Benito Corbal, que tería a súa entrada polo lateral, na rúa Javier Puig Llamas", dixo Anabel Gulías. Cómpre sinalar que non se moverían todas as mesas, senón que se repartirían, quedando algunhas no Álvarez Limeses e outras no novo emprazamento.
Tamén haberá cambios no colexio electoral que se habilita tradicionalmente no Albergue de Peregrinos que este ano, debido ás obras de reforma deste inmoble, trasládase ao Local de Música.
Todos estes cambios e os que poidan xurdir de aquí ao 28 de maio serán debidamente notificados ás persoas afectadas para que poidan exercer o seu dereito ao voto sen problemas.