A Pascua Florida tomará o barrio da Moureira para levar a comuñón aos enfermos
Por Oskar Viéitez
Un dos 5 mandamentos da Igrexa é comulgar por Pascua Florida, chamada así por ter lugar durante a primavera e para distinguila das pascuas de Nadal e Pentecostés. Por esta razón, pódena recibir no seu domicilio ou no hospital todas aquelas persoas, sexan nenos ou maiores que, polas súas circunstancias persoais, non puidesen cumprir co precepto pascual.
Ollo, non é o mesmo que o Viático que é a comuñón que leva unicamente aos moribundos e que, por tanto, pódese administrar en calquera momento do ano, a diferenza da comuñón pascual e que, como o seu propio nome indica, só se recibe en tempo de Pascua.
Se nos remontamos ao Libro de cerimonias do Concello de Pontevedra, xa consta desde tempos inmemoriais o nome de "domingo de Pascuilla" e "comuñón aos enfermos" fronte a esa outra denominación popular de "Viático" que, aínda que estendida, resulta ser litúrgicamente inexacta.
Este próximo domingo, 16 de abril, a comunidade parroquial de Santa María a Maior de Pontevedra levará a comuñón a aquelas persoas que, enfermas ou encamadas, non puideron participar nas celebracións parroquiais de Pascua e comulgar.
A parroquia está a ultimar os detalles desta celebración xunto ao Gremio de Mareantes, que desde hai décadas colabora nesta procesión. Igualmente cóntase coa axuda dos voluntarios de Pastoral da Saúde, da Lexión de María, catequistas e nenos coas súas familias, agradecendo a todos eles a súa participación, xuntamente con aqueles veciños e fregueses que fan posible esta festa.
Durante estes días xa se está levando a cabo a preparación previa, na que os sacerdotes da Parroquia visitan e confesan a aquelas persoas que mostraron o desexo de recibir a comuñón pascual. Seralles levada o domingo de forma solemne. Precisamente, a eucaristía das 11:00 horas da mañá na Real Basílica adiantarase ás 10:00 horas, para facilitar que ao seu termo salga en procesión, seguindo o itinerario habitual: Avenida de Santa María, Arcebispo Malvar, San Guillermo, Jofre de Tenorio, Concepción Arenal, Alfonso XIII, Paseo de Colón, Monteleón, Almirantes Matos, Campo da Torre, Juan Villaverde e Irmáns Nodais, recolléndose na Capela de San Roque.
Desde Santa María a Maior anímase a quen desexe recibir a comuñón ou coñezan a alguén interesado, que se poñan en contacto coa Parroquia. Igualmente pídese a colaboración de todos os veciños, para que engalanen xanelas e balcóns.
Relacionadas:
-
San Cibrán recupera ambiente de romaría para facer fronte ao meigallo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Colofón a unha Semana Santa de bo tempo e actos multitudinarios
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A procesión da Luz da Dor do Santo Cristo dos Milagres, estrela da Semana Santa de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
A Semana Santa pontevedresa estrea procesión: o Ecce Homo, trasladado ao Burgo
Por Cristina Saiz & Redacción |