Pontevedra reactiva a demanda dun Grao de Enoloxía para o seu campus universitario
Por Alejandro Espiño
En España só sete facultades universitarias imparten o Grao de Enoloxía. Ningunha delas, a pesar da puxanza do seu sector vitivinícola, está en Galicia. Ese oco quéreo cubrir Pontevedra, que volveu a reclamar que se reforce o seu campus con esta nova titulación.
Esta reivindicación histórica de Pontevedra, que solicitou por primeira vez estes estudos en 2005, regresa á primeira plana da actualidade. A corporación municipal solicitou, de maneira unánime, que se inicien os trámites para implantar este grao na cidade.
A iniciativa foi do edil non adscrito, Goyo Revenga, que sinalou que Pontevedra "merece" contar con esta titulación entre a súa oferta académica como capital das Rías Baixas, rexión na que se asenta a principal denominación de orixe dos viños galegos.
Este grao supoñería un "gran impulso" para o campus pontevedrés, xa que Revenga aprecia un "nicho importante" de interese nun sector que está en "crecimiento constante" e entende que supoñería un respaldo "a la gente que ha mantenido viva la tradición del vino".
O portavoz socialista, Iván Puentes, asegurou que atraer novos graos á cidade forma parte do interese do goberno municipal por "fortalecer, mellorar e potenciar" o campus de Pontevedra, que actualmente xa supera os 4.000 alumnos.
A DO Rías Baixas, segundo Puentes, é un dos "grandes motores" da economía pontevedresa e asegurou que, a estas alturas. "é incrible que Galicia non teña un Grao de Enoloxía", a pesar de ser unha "necesidade evidente".
Que sexa unha realidade, dixo, "é unha cuestión de tempo", polo que reivindicou que "non hai que perder o tempo e temos que poñer enriba da mesa esta reclamación", instando á Xunta a que "se poña as pilas" para non seguir derivando profesionais a outras rexións.
Pepa Pardo, edil do PP, tamén mostrou o apoio dos populares a uns estudos que, segundo asegurou, veñen avalados polo propio sector e supoñen unha reivindicación "necesaria e importante" para completar o "círculo de puxanza" da DO Rías Baixas.
Tras destacar que Rías Baixas é a denominación de orixe "máis potente" de Galicia, a nacionalista Carme da Silva coincidiu en que Pontevedra debe ofertar os estudos de Enoloxía, subliñado que para Galicia esta titulación é "fundamental".
"Que Pontevedra sexa a sede da DO Rías Baixas é algo que se debería ter en conta", subliñou Da Silva, que lembrou o traballo realizado no seu día para que o seu consello regulador ocupase un Pazo de Mugartegui que, segundo augurou, "xerará máis actividade no futuro".