Unha "celebración de vida" na carballeira de San Xusto
Por Redacción
Unhas 400 persoas participaron este sábado na IV Xuntanza da Terceira Idade do Concello de Cerdedo-Cotobade celebrada na Carballeira de San Xusto.
Este ano foron homenaxeados, por ser os de maior idade, Elías Malvar Ovando, de 95 anos e veciño de Tenorio, e Marina Couto Pazos, de 98 e residente en Viascón.
Antes da xuntanza, os participantes asistiron a unha misa que serviu de preámbulo ao evento ao que acudiron persoas chegadas de practicamente todas as parroquias do municipio.
O Concello de Cerdedo-Cotobade, organizador desta cita, puxo a disposición dos participantes un servizo de autobús para facilitar a chegada ata a Carballeira de San Xusto dos asistentes, que tiveron que abonar 15 euros por persoa para poder degustar o xantar ofrecido pola organización.
Durante a celebración, fixeron entrega ás persoas de maior idade un obsequio conmemorativo por terse achegado ata alí e homenaxearon a Elías Malvar Ovando, de 95 anos e veciño de Tenorio, e Marina Couto Pazos, de 98 e residente en Viascón.
A xornada continuou despois do xantar cun baile amenizado por un conxunto musical que animou a sobremesa convidando aos asistentes a botar unhas pezas de baile para facilitar a dixestión e tamén para fomentar a diversión.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, salientou o "alto nivel de participación neste evento" e agradeceu aos asistentes o bo ambiente creado en torno a esta xuntanza, coa que se pretende fomentar a interrelación entre persoas dunha idade similar e que residen en diversos lugares do municipio favorecendo que intercambien experiencias, estreiten lazos e, en moitos casos, recuperen o contacto entre eles.