Unhas xornadas estudan as saídas laborais do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte
Por Redacción
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle durante este martes e mércores unhas xornadas para que o alumnado ofreza unha serie de claves co obxectivo de que teñan coñecementos para afrontar os seus traballos de fin de grao e as prácticas. Pero ademais céntranse nas posibles saídas profesionais coa intención de que coñezan a intelixencia emocional, primeiros auxilios ou a resolución de conflitos.
Estas xornadas formativas atópanse organizadas pola Delegación de Estudantado para alumnado dos últimos cursos do grao, aínda que abertas a todo o público que queira achegarse polo campus.
Durante dous días celébranse once conferencias, segundo informa o DUVI. A primeira correu a cargo da titulada Zeltia Augusta Pino e centrouse nas claves para afrontar o TFG desde o punto de vista estudantil. Durante a xornada tamén se analizou a psicoloxía deportiva, da man de Jorge Carril, e despois de Ciencias da Actividade Física e do Deporte cunha intervención da egresada Isabel Noya.
A catedrática Francisca Fariña ofreceu unha análise sobre estratexias de resolución de conflitos. Por último, Daniel Vilas, da man do integrante do equipo técnico do Pontevedra Club de Fútbol, expuxo unha aproximación á preparación física no fútbol.
Durante o mércores, as xornadas iniciaranse cunha charla sobre intelixencia emocional a cargo da psicóloga Beatriz Dukart, que continuará cun coloquio sobre as prácticas en centros de ensino, a cargo da mestra de educación infantil Maruxa Trigo. Ao longo da xornada tamén intervirán a vicedecana Begoña Paz, o profesor Roberto Barcala e o xerente do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, Roberto Silva.