O 2 de maio sortearanse os integrantes das mesas electorais
Por Oskar Viéitez
O próximo 2 de maio o Concello de Pontevedra convocou un pleno no Teatro Principal para as 13.00 horas.
A sesión terá un punto central, o sorteo dos integrantes das mesas electorais nas eleccións municipais, convocadas para o 28 de maio deste ano.
Mediante un sistema informático de carácter aleatorio seleccionaranse aos cidadáns que integrarán cada unha das mesas electorais previstas na localidade.
Este mércores, ao rematar a Xunta de Portavoces na que se abordou a convocatoria deste pleno, a concelleira Carme da Silva lembrou que a sesión terá unha novidade respecto a outros comicios anteriores xa que por primeira vez non transcenderán os nomes das persoas designadas para formar parte das mesas electorais.
A Xunta Electoral Central adoptou esta medida por protección de datos.
Como xa se adiantou, a orde do día do pleno incluirá un segundo asunto: o cambio na clasificación urbanística do a base de extinción de incendios forestais do Campiño que permitirá que a parcela de 20.000 metros cadrados na que se atopa este heliporto deixe de estar como zona verde e pase a ser de dotacións e de equipamento social.
O Concello de Pontevedra fai esta tramitación a pedimento da Consellería do Medio Rural no que se interpreta como o primeiro paso para que a Xunta desocupe unha das dúas parcelas coas que conta na Xunqueira de Alba.
Á marxe dalgún outro asunto que poida ser incluído a última hora, a orde do día do pleno complétase co recoñecemento de varias facturas que serán aprobadas para axilizar o seu pago.
Cinco minutos antes do inicio da sesión plenaria celebrarase outra, para a aprobación das contas da sociedade de Turismo de Pontevedra. Trátase dun trámite obrigado ao terminar o mandato.
Relacionadas:
-
Máis de 2.300 axentes garantirán a seguridade da xornada electoral na provincia
Por Redacción |
-
A regularización do heliporto do Campiño abre a porta a liberar máis parcelas na Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra insta formalmente á Xunta e ao Estado a abandonar a Xunqueira de Alba
Por Alejandro Espiño |