Programan en Marín un obradoiro de escritura creativa para recuperar a memoria familiar
Por Redacción
A memoria familiar é un excelente lugar que visitar na busca de inspiración, para repensar cal é a nosa historia e estimular a creatividade, imaxinando como foron as vidas daqueles que nos precederon.
Ese patrimonio inmaterial de cada un é o que a escritora e xornalista Elena Gallego Abad utilizará como recurso creativo para desenvolver o Proxecto Legado, un obradoiro de creación literaria que se desenvolverá ao longo de nove sesións na Biblioteca Pública Vidal Pazos do Concello de Marín.
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e a escritora presentaron a actividade esta mañá no Concello, despois do éxito colleitado polo primer obradoiro que se levou a cabo a pasada fin de semana co gaio da celebración do Día do Libro.
Desta vez, o Proxecto Legado ten unha programación formativa máis intensa, con nove clases que se desenvolverán os días 6, 13, 20 e 24 de maio e os 3, 10, 17, 24, e 28 de xuño. As sesións que coinciden en sábado serán de 11.00 a 13.00 horas, namentres que as dos mércores realizaranse de tarde, de 19.00 a 21.00 horas.
O proxecto está incluído no catálogo Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia e promovido pola Xunta, e está dirixido a persoas interesadas en descubrir, preservar e divulgar a historia da súa familia, utilizando como ferramenta a escritura e a pulsión literaria. Haberá 15 prazas dispoñibles. Para inscribirse, será abondo con mandar un correo ao enderezo biblioteca@concellodemarin.es.
“Este proxecto xurde nun momento no que a transmisión de pais a fillos está a perderse”, explica a súa promotora. “A aparición de novas tecnoloxías, das redes sociais e dun extenso universo audiovisual que substituíron ás canles tradicionais non propician a comunicación entre xeracións”, engade.
Precisamente, co obxectivo de evitalo, nas nove sesións do obradoiro, os participantes “descubrirán as chaves básicas da creación narrativa, de xeito que cada quen desenvolva as súas potencialidades e poida materializar un proxecto propio ao remate do obradoiro”.
A idea de sacar adiante este proxecto ten como inspiración a nova novela da escritora marinense, que sairá ao público moi pronto.