Manuel Flores, candidato do PSOE, quere sacar a Portas da "apatía"
Por Redacción
O albergue de peregrinos de Briallos, en Portas, acollía este domingo o acto de presentación da candidatura de Manuel Flores, do Partido Socialista, á alcaldía do municipio.
Ao acto acudían Carmela Silva, presidenta do PSdeG e da Deputación; Marta Giráldez, alcaldesa de Meis; e o deputado provincial Manuel González.
Flores afirmou que quere sacar a Portas da "apatía e o conservadurismo destes últimos anos" coa intención de poñela na senda da modernidade. Para conseguir este reto pretende optimizar os recursos e investir naqueles puntos que máis o precisan "sen malgastar un só euro e buscando financiamento doutras administracións ata debaixo das pedras".
Destacou o labor da presidenta da Deputación sinalando que "aquí quen parece a alcaldesa é Carmela Silva, porque o alcalde está de espectador" para continuar criticando os investimentos por parte da administración autonómica: "a Xunta de Galicia en Portas, cero patatero".
Presentou unha lista de carácter "internacional, con xente que veu vivir a Portas desde outros países, e que simboliza o que queremos facer para loitar contra o despoboamento", afirmou ao falar dunha candidatura na que figuran tres persoas chegadas desde Rusia, Costa Rica e Suíza. Destacou tamén que está conformada por máis mulleres que homes e os postos dous e tres son ocupados por Ekateryna Guryanova e Susana Mosquera.
Flores comprometeuse a xestionar, coa Zona Franca, a creación do polígono industrial da Peroxa para crear emprego; a humanización do centro urbano da Rapeira e a dotar dun local social á parroquia de Briallos, entre outras iniciativas.