CCOO demanda negociación colectiva no 1º de maio para lograr unha subida salarial
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A primeira das catro manifestacións convocadas en Pontevedra con motivo deste 1º de maio foi a protagonizada por representantes, afiliados e simpatizantes de Comisiones Obreras. Partía pasadas as 11.15 horas da praza da Ferrería para realizar un percorrido polo centro da cidade e finalizar ante o edificio na rúa Michelena do Concello de Pontevedra.
Entre outros colectivos, na marcha figuraban traballadoras de Hiperxel demandando unha solución para esta empresa de conxelados que debe salarios ao persoal; representantes de funcionarios municipais que esixen negociación ao goberno que encabeza Fernández Lores; traballadores do servizo de limpeza do Hospital Quirón Saúde e empregados de empresas auxiliares de Ence, que reclaman mellores condicións salariais e laborais.
Na cabeza da manifestación portando a pancarta atopábase Pilar Mosquera, secretaria comarcal de CCOO, que demandaba negociación por parte da patronal para que se repartan os beneficios empresariais e os traballadores pasen a cobrar salarios dignos.
Na mesma liña manifestábase José Luis García Pedrosa, secretario de organización do sindicato en Pontevedra, que explicaba a necesidade de saír á rúa nesta xornada para reivindicar os dereitos da clase traballadora. "Queda moito camiño por percorrer", afirmaba indicando que se perderon moitos dereitos laborais desde a crise económica e, aínda que a última reforma laboral ofreceu maior estabilidade no emprego, denuncia que é preciso resolver a negociación colectiva respecto a os salarios.
Acusa os empresarios de grandes e medianas empresas de incrementar os seus beneficios sen que repercutise no persoal cando a suba de prezos se elevou provocando dificultades en moitos fogares para chegar a fin de mes.