Blanco Porto, escenario de conflito entre populares e socialistas
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular criticou este mércores que a reforma integral de Blanco Porto "só chega á pouco máis da metade da rúa". Nun comunicado os populares dinlle ao concelleiro de Urbanismo, o socialista Antón Louro que "tanto cacarexar e ao final a obra só chegaba ata pouco máis da metade".
Os concelleiros do Partido Popular solicitaron o proxecto no Concello e constataron "con sorpresa" que, "efectivamente, a obra só chegaba ata onde finalmente chegou, é dicir, a uns metros máis alá da metade da vía".
Pola súa banda o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, anunciou que o tramo final da rúa (entre o cruce de Cruz Gallástegui e Joaquín Costa) realizarase nunha segunda fase durante este ano.
Louro fixo este anuncio durante a visita que esta mañá realizou á rúa de Blanco Porto para recabar as opinións dos veciños e supervisar os últimos detalles cos técnicos municipais e a empresa contratista.
Para o grupo da oposición a "precariedade" está a "converterse nun sinal de identidade das actuacións de reforma urbana" e sinalan como "exemplo moi claro desta penuria" á reforma da rúa Benito Corbal, "onde o Concello investiu só uns 170.000 euros para deixar a rúa cun triste aspecto de provisionalidade, sen case equipamentos e cos peores acabados do centro da cidade".
Os populares dín que a "precariedade" está a "converterse nun sinal de identidade das actuacións de reforma urbana"
E lembran que a iniciativa de converter en peonil esta rúa fora precisamente ideada polo Partido Popular na campaña das últimas eleccións municipais, cun proxecto de reforma integral cun orzamento de 980.000 euros.
Por el contrario Antón Louro salientou que as 11 actuacións que compoñen o Plan de Obras Urbanas 2013 executáronse "en prazo record e sen superar os custos de adxudicación".
O paquete de actuacións foi licitado nun total de 2.861.720 euros e as adxudicacións tiveron unha baixa media do 3,2%.
O Plan de Obras 2013 abrangue todas as actuacións adxudicadas durante a pasada anualidade e realizadas no último trimestre: Blanco Porto, Leiras Pulpeiro, pasarela de José Adrio, barrio de Fontesanta, asfaltado e ampliación de beirarrúas da avenida Marqués de Valterra, nova iluminación en Marqués de Valterra e as rúas da Maestranza, Prudencio Landín e Doutor Marescot. A elas cómpre sumar as de Santa Clara e avenida de Lugo que contan con financiamento bianual.