Estudantes de cinco institutos visitarán o arboreto do campus guiados por universitarios
Por Redacción
Desde 2019, o arboreto do campus de Pontevedra conta cunha ruta de preto de dous quilómetros que permite ir contemplando as máis de 350 árbores de 54 especies que o conforman, á vez que se obtén maior información sobre os diferentes exemplares, que se atopan xeolocalizados nunha base de datos.
Co obxectivo de pór en valor a contorna natural do campus e a importancia que ten a preservación da biodiversidade, a Vicerreitoría promove un ano máis unha serie de visitas guiadas ao arboreto, que achegarán ao campus preto de 350 estudantes de ESO e Bacharelato de cinco institutos.
Guiados por dous estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal, Manuel Amor, bolseiro da Oficina de Medio Ambiente (OMA), e Iván Martínez, bolseiro de Medio Ambiente na Vicerreitoría do campus, un total de 17 grupos de entre 20 e 30 mozos percorrerán parte deste arboreto e coñecerán ás súas especies máis características nunha serie de visitas que se prolongarán ata o 13 de xuño.
Esta iniciativa arrancou o pasado venres cun primeiro grupo de alumnosda ESO do IES Valle Inclán, instituto que nas próximas semanas achegará outros tres grupos de estudantes ao campus.
Un ano máis, participa taménte nesta actividade o IES Luis Seoane, con cinco grupos da ESO e Bacharelato que percorrerán o arboreto a vindeira semana.
Posteriormente, farano tamén dous grupos do IES A Xunqueira II e, xa en xuño, a actividade pecharase coa participación do IES Poio e do instituto Gonzalo Torrente Ballester.
"A idea non é afondar tanto en cuestións de botánica, senón que coñezan as especies máis características e para que se utilizaron determinadas árbores", salienta Amor.
Con ese propósito, o percorrido detense en especies como o Ginkgo biloba, unha das antigas do mundo, nos castiñeiros, carballos ou moreiras, á vez que afonda en curiosidades como que a aspirina ten a súa orixe nos salgueiros.
Ao mesmo tempo, esta actividade tamén implica unha aprendizaxe para os propios universitarios responsables, xa que, como sinala Martínez, "tes que enfrontarte a falar dun tema que che gusta ante 20 ou 30 persoas, o que pode sernos de axuda, por exemplo, para a defensa do traballo de fin de grao".
Relacionadas:
-
Dous 'fillos' do carballo de Santa Margarida crecerán no campus da Xunqueira
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea unha ruta que permite coñecer as árbores presentes no Campus
Por Oskar Viéitez |
-
Unha aplicación do teléfono móbil permitirá identificar as árbores do campus
Por Oskar Viéitez |
-
Árbores con código QR no campus de Pontevedra
Por Clara Alonso |