Os mércores custará 3,90 euros ir ao cine
Por Oskar Viéitez
O éxito da pasada edición da Festa do Cine, que durante tres días de outubro levou a 1,5 millóns de persoas ás salas con entradas por 2,90 euros, levou ao sector a instaurar os Mércores ao Cine, para fomentar a asistencia mediante prezos especiais.
As salas de Cinexpo en Vialia e as de Gran Arousa de Vilagarcía explotadas ambas as dúas por Galicine sumáronse á iniciativa. De modo que todos os mércores incluídos entre o 15 de xaneiro e o 16 de abril custará menos de catro euros.
A páxina web de Galicine xa anuncia estes prezos especiais que non inclúen os festivos, os lentes 3D, as butacas vibratorias nin suplementos das salas VIP.
Con "Mércores ao Cine" a industria pretende buscar "unha maior complicidade co público ao dar continuidade a un día de desconto durante os próximos meses", segundo o comunicado oficial.
A industria cinematográfica pretende chegar a un público que como se observou durante a "Fiesta do Cine", ten gañas de consumir cine en pantalla grande e á vez, demostrou ser sensible ao prezo da entrada.