O pontevedrés César Portela recibirá a Medalla de Ouro da Arquitectura
Por Redacción
O Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) decidiu outorgar a distinción máis importante da súa profesión a César Portela.
O arquitecto pontevedrés recibirá a Medalla de Ouro da Arquitectura, galardón que recoñece "o esforzo das persoas e institucións que ennoblecen o quefacer arquitectónico co seu labor", sinala o CSCAE.
No caso de César Portela, o xurado valorou a "solidez" da súa traxectoria profesional, que lle converteu nun "referente galego para novas xeracións de arquitectos tanto na arquitectura como no urbanismo". Ademais o fallo destaca o labor do "arquitecto localista que supera o seu ámbito natal para proxectarse internacionalmente".
"A súa obra serviu e serve de inspiración para todos os arquitectos galegos e esta medalla é un recoñecemento a toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión. Desde o seu estudo nunha cidade pequena como Pontevedra, conseguiu ser un referente na arquitectura internacional, con obra presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto", sinalou a decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, integrante do xurado
Destacou que a súa obra abarca diferentes escalas, "desde pequenas intervencións realizadas con gran coidado e respecto ao patrimonio construído e a contorna natural no que se enclava, ata os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías".
O xurado que decidiu a concesión da Medalla de Ouro da Arquitectura a Portela conformárono tamén o vicepresidente segundo do CSCAE, Moisés Castro Oporto; o decano do colexio de arquitectos de Ceuta, José Daniel Moya Enríquez; a tesoureira do CSCAE, María José Peñalver; a arquitecta Sol Madridejos; o xornalista e crítico de arquitectura Llàtzer Moix; e o secretario xeral do CSCAE, Laureano Matas.
Na dilatada traxectoria de Portela destacan obras como a Estación de Autobuses de Córdoba que lle valeu en 1999 o Premio Nacional de Arquitectura, a Estación Central de Valencia, o Museo de Historia Natural de Galicia, o Palacio de Congresos e o Edificio Domus na Coruña, o Cemiterio Municipal de Fisterra, a Estación de Ferrocarril de Cádiz, o Palacio Auditorio Mar de Vigo e a Terminal do Aeroporto desta cidade, o Museo Etnográfico de Togamura en Xapón, e a Torre de Control Sharm O-Sheik, en Exipto, entre outras.
Tamén proxectou intervencións no espazo público como o Plan Director do Cabo Fisterra, a rehabilitación da Isla San Simón ou o Plan Especial de intervención no Pazo de Oca e a súa contorna, recoñecido, en 1981, co Premio Nacional de Urbanismo.
A entrega da Medalla de Ouro terá lugar o 22 de xuño, no transcurso da gala dos Premios ARQUITECTURA que promove o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE).
Relacionadas:
-
César Portela distinguido coa Medalla de Ouro da Arquitectura 2023
Por Oskar Viéitez |
-
Pascuala Campos de Michelena, arquitecta vencellada a Pontevedra, distinguida co Premio COAG
Por Redacción |
-
César Portela: "Non podemos destruír a natureza, senón que temos que respectala, sublimala e enriquecela"
Por Redacción |
-
Os arquitectos galegos recoñecen a traxectoria de César Portela e o deseño dun edificio de Pontevedra
Por Redacción |
-
A arquitectura galega distingue a traxectoria profesional de César Portela
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O arquitecto pontevedrés César Portela ingresa na Real Academia Galega de Ciencias
Por Redacción |