O antigo edificio de Olmedo xa ten novos inquilinos: un local especializado en almorzos e brunch
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O local do histórico edificio de Almacéns Olmedo na praza de Curros Enríquez terá novos inquilinos e utilidade. Unha empresa especializada en almorzos e brunch solicitou esta semana licencia para utilizar o seu baixo e a súa entreplanta para poñer en marcha un negocio similar ao que xa ten en Vigo.
Segundo puido confirmar PontevedraViva, a empresa solicitou licenza este mesmo mércores 3 de maio para acondicionar o local, unha obra menor que neste caso require licenza porque se trata dunha zona afectada polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (PEPRICA) do centro histórico.
Dado que se trata dun edificio protexido, realizarán obras que supoñerán manter as instalacións cunha configuración similar á que tiñan ata o de agora, sen cambios radicais nin de estrutura. De momento, na solicitude de licenza presentada tan só detallaron as primeiras actuacións de obra civil, aínda que o proxecto final si será ambicioso en canto a decoración e para crear un espazo que se adecúe a altos estándares de calidade, arquitectura e decorado.
O local acollerá un espazo gastronómico especializado en almorzos brunch e comidas caseiras que tamén ofrece tortas de sabores e personalizadas, opcións veganas, vegetarianas e sen glute e espazo infantil.
O local do edificio Olmedo ten 564 metros cadrados de superficie repartidos entre baixo e entreplanta, e acolleu tempo atrás ás franquías Casa e Crack Hogar e leva baleiro desde 2022, cando pechou o último negocio alí situado, Nación Pizza Pasta.