Nova gala solidaria 'Música por alimentos' en Curro a favor da Fundación Amigos de Galicia
Por Redacción
Este domingo 14 de maio celébrase a novena edición Gala Solidaria 'Música por Alimentos', organizada pola Comunidade de Montes de Curro con Salnés Espectáculos, para obter alimentos que se destinarán á Fundación Amigos de Galicia.
As actividades comezarán ás 16.30 horas no Campo da Festa cunha celebración para público infantil con inchables gratis. Unha hora máis tarde iniciarase a gala coa actuación das orquestras Marbella, Los Coleguitas, Origen e La Mecánica.
Esta iniciativa desenvolverse para obter o maior número de alimentos non perecedoiros como cereais, galletas, cacao ou produtos alimenticios infantís, entre outros. Estes alimentos destinaranse a familias en situación de especial vulnerabilidade que son atendidas pola Fundación nos municipios de Barro, Caldas de Reis, Pontevedra, cambados, A Illa de Arousa, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Valga.
Nos dous últimos anos, segundo a organización, recadáronse máis de 7.270 quilos de alimentos. As persoas que queiran asistir deberán entregar un quilo ou un litro deste tipo de produtos de primeira necesidade para acceder ao recinto.