Sanxenxo busca captar turistas americanos e deportivos en Madrid e Málaga
Por Redacción
Sanxenxo segue a súa promoción como destino turístico e os seus últimos pasos deunos en Málaga e Madrid. Alí, participou en dous encontros de traballo establecendo contactos con axencias especializadas na organización de viaxes de turista americano e turista deportivo.
A actividade, organizada pola Agrupación industrial de Turismo e Turismo de Galicia en colaboración con Viaxes InterRías, conta coa participación de varios hoteis do municipio como o Gran Talaso Hotel Sanxenxo, o Hotel Carlos I Silgar e o Hotel Spa Nanín Praia, así como o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo e a empresa Viaxes InterRías.
A coordinadora de Turismo, Romina Fernández, mantivo contacto con varias axencias de viaxes que se mostraron interesadas polo destino de Sanxenxo, mesmo por realizar un programa sobre o municipio nunha televisión local malagueña.
Segundo a información facilitada polo Concello, tamén se detectou un interese crecente do turista americano por Galicia, como así o constatou unha das axencias encargada de realizar paquetes de viaxes a turistas americanos, e onde Sanxenxo podería encaixar pola súa oferta turística.
Tamén a oferta náutica resultou moi atractiva nestas xornadas para paquetes de viaxes experienciais.
Durante estes talleres, Sanxenxo sorteou dúas estancias con cea para dúas persoas e realizouse unha cea degustación elaborada polo Restaurante Meloxeira Praia.