28M | Carmela Silva defende o "proxecto sólido e do século XXI" das candidaturas socialistas en Arousa e O Salnés
Por Redacción
O Partido Socialista aspira o próximo 28 de maio a que as comarcas de Arousa e O Salnés conten "aínda máis gobernos da xente".
Así o asegurou a presidenta do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, nun acto celebrado en Meis que reuniu ás diferentes cabezas de lista da comarca, candidatos e candidatas "con proxectos municipais do século XXI", defendeu Silva.
Alí estiveron Alberto Varela (Vilagarcía), Marta Giráldez (Meis), Luís Arousa (A Illa de Arousa), José Cacabelos (O Grove), Samuel Lago (Cambados), Javier Mougán (Ribadumia), María Vales (Vilanova), Pablo Portas (Meaño), Ainhoa Fervenza (Sanxenxo) e Alberto García (Catoira).
Na súa intervención Carmela Silva destacou que o Partido Socialista concorre cun proxecto claro para todos e cada un dos concellos, baseado na recuperación do espazo público, no reforzo dos equipamentos e dotacións para levar a cultura a toda a cidadanía, no respecto polo medio ambiente, no turismo sostible e non masificado, nas políticas sociais e na igualdade no centro de todas as decisións. Todo iso "en contraste co Partido Popular, que parece un barco á deriva".
A dirixente socialista defendeu ade,ás o exemplo da Mancomunidade do Salnés, que conseguiron que "funcionase como nunca antes grazas á súa capacidade de escoita. Arousa é hoxe un territorio máis compacto e máis cohesionado, no que se deron grandes avances e iso débese a que hai un proxecto de comarca con alcaldes e alcaldesas que saben mirar máis aló dos seus límites municipais e sumar forzas polo ben común", afirmou.