Descartan expropiacións no desenvolvemento do polígono industrial de Paradela-Carracedo
Por Redacción
O polígono empresarial de Paradela-Carracedo está un pouco máis preto de converterse en realidade.
O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, acudiu esta fin de semana a unha reunión coa veciñanza de Paradela e de Carracedo acompañando ao alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, para confirmar o interese da entidade estatal e a vontade de desenvolver os primeiros 400.000 metros cadrados do parque de maneira negociada, tamén cos pequenos propietarios.
Regades confirmou o interese de Zona Franca por seguir expandíndose e establecerse en Caldas como xa o está facendo en Cuntis.
En todo caso no encontro afirmaron que a urbanización e desenvolvemento do parque empresarial farase respectando a vontade das veciñas e veciños propietarios das parcelas máis pequenas, descartando a fórmula da expropiación.
Rey subliñou pola súa banda que a materialización dun polígono é un proceso longo, polo que despois deste primeiro encontro haberá máis reunións cos técnicos urbanísticos e xurídicos. "Pero primeiro de nada", recalcou, "era preciso que os veciños tivesen constancia de que hai financiamento ao 100% da Zona Franca".
Os plans, sinalaron pasan por desenvolver inicialmente 400.000 metros cadrados e, unha vez que sexa necesario, ampliar ata os 500.000 metros cadrados previstos.