Pontevedra reivindica na rúa poder vivir "en galego, aquí e agora"
Por Alejandro Espiño
Un cento de persoas atenderon a chamada da plataforma Queremos Galego, que neste Día das Letras Galegas convocou concentracións en todas as cidades galegas, entre elas Pontevedra, para denunciar a situación de "emerxencia lingüística" que atravesa o galego no noso país.
Baixo o lema "En galego, aquí e agora", os participantes nesta mobilización ocuparon gran parte da Praza de Curros Enríquez para alertar que "non podemos esperar outros corenta anos" para que as administracións cumpran as súas obrigas en materia de normalización.
Queremos Galego chamou a atención sobre a imposibilidade de vivir as 24 horas en galego e sostivo que "lamentablemente" as medidas adoptadas ata o de agora "non serviron para subverter a situación do galego e non contribuíron a gañar novos espazos".
Esta situación, da que a plataforma responsabiliza ao "desleixo e pasividade" dos poderes públicos, está provocar que o galego sexa a única lingua peninsular "que está a perder falantes", subliñan desde este colectivo.
O uso do galego "segue sendo minoritaria" no ámbito da xustiza ou da administración do Estado, recordan en Queremos Galego, que lamentan que a "desgaleguización do ensino", facendo mesmo que os nenos "muden de lingua" tras pasar pola escola.
"Hoxe, por primeira vez na historia, un de cada catro menores de 15 anos declara ser incapaz para se expresar en galego", sentencian esta plataforma.
Queremos Galego pregúntase se pode ser oficial unha lingua "na que é case imposible" recibir unha notificación xudicial, atención sanitaria ou abrir unha conta bancaria. Unha lingua, insisten, "excluída dos deseños animados e prohibida nas matemáticas, a física e química, a tecnoloxía e nos libros de texto dixitais". Unha lingua, lamentan, "que os mesmos que teñen obriga de usar e promover, rexeitan para facer campaña electoral".
Na concentración de Pontevedra, ademais dos convocantes, participaron entidades como o BNG -co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza-, o sindicato CIG, o sindicato estudantil Erguer ou o colectivo A Pedreira. A título particular tamén acudiu o candidato socialista á Alcaldía, Iván Puentes.