Detida por adquirir documentos falsos no estranxeiro a través de redes sociais
Por Redacción
Ata 64 persoas foron detidas en toda España, unha delas en Marín, nunha operación conxunta da Policía Nacional e do Servizo de Vixilancia Aduaneira contra unha rede para a compravenda a través de redes sociais de documentos falsos no estranxeiro.
Este operativo logrou interceptar 136 documentos, entre eles permisos de conducir, pasaportes ou documentos de identidade nos que constaban nacionalidades de distintos países europeos e que foran elaborados cun alto nivel de profesionalización.
O obxectivo desta documentación, segundo informa a Policía Nacional, era que os seus compradores puidesen circular sen dificultade por todo o territorio Schengen, a área que comprende a 27 países europeos que aboliron as súas fronteiras internas.
A investigación policial comezou despois de que o Servizo de Vixilancia Aduaneira detectase varios destes envíos con documentación falsificada.
Os detidos poñíanse en contacto cos falsificadores a través de redes sociais e mensaxería instantánea, cos que fixaban un prezo de entre 1.000 e 3.000 euros por cada un dos documentos e a data de envío a España.
O prezo maior era o que tiñan os pasaportes xa que contaban con selos de fronteira, por entender que estes conferían unha maior credibilidade aos seus donos nos pasos fronteirizos.
A todos os arrestados, entre os que ademais da muller detida en Marín hai outro implicado en Lugo, impútanselles os delitos de contrabando, falsidade documental e contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros por favorecemento da inmigración irregular.