O "Clan da Cachuela" sae bailando da Audiencia tras ver rebaixadas as súas condenas por tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez
"¡Somos libres, somos libres! ¡A comer y beber!". Así de contenta cantaba e bailaba ante un grupo de gardas civís nos corredores da Audiencia de Pontevedra a matriarca do "clan da Cachuela" tras a celebración do xuízo.
No banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial sentáronse sete residentes do poboado chabolista do Vao de Arriba, acusados de delitos contra a saúde, para quen o fiscal pedía incialmente penas que ían desde os seis anos e medio de prisión aos nove anos e medio por tráfico de drogas e, nun caso, tamén por tenencia ilícita de armas.
Despois de chegar a un acordo coa Fiscalía, retiráronse os cargos contra tres dos acusados, que por tanto foron absoltos.
Respecto a os outros tres, a matriarca María del Mar B., María Magdalena G. e Alfredo G. foron condenados a 3 anos de prisión por un delito contra a saúde e multa de 3.200 euros coa agravante de reincidencia e as atenuantes de dilacións indebidas e de drogadicción. No caso de Alfredo impuxéronselle 9 meses máis por tenencia ilícita de armas. Adolfo G. foi condenado a 2 anos de cárcere como cómplice criminalmente responsable dun delito contra a saúde coa atenuante de dilacións indebidas.
A sentenza contra estes membros do Clan da Cachuela é firme e contra ela non cabe recurso.
Non será este o último clan do poboado chabolista do Vao con causas pendentes de resolver na Audiencia de Pontevedra pois para a última semana deste mes está sinalado outro xuízo contra o do "Sevilla".