
© Subdelegación do Goberno
28M | Máis de 2.500 axentes garantirán a seguridade nas eleccións do 28M na provincia

Por Redacción
As próximas eleccións do 28 de maio contarán cun dos maiores dispositivo de seguridade da historia para uns comicios.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, informou de que un total de 2.573 efectivos traballarán para garantir a seguridade cidadá e o exercicio dos dereitos e liberdades durante o día de votación, o que supón case un 12 % máis que nas anteriores eleccións locais e ao Parlamento Europeo que se celebraron en maio de 2019.
Na provincia de Pontevedra, a Policía Nacional despregará un total de 926 axentes, mentres que na Garda Civil serán 1.178. Pola súa banda, a Unidade de Policía Adscrita sumará 47 efectivos e, por último, os axentes dos distintos corpos de policía municipais serán 432.
O dispositivo coordinouse nunha reunión presidida pola subdelegada do Goberno na que tamén participou o comisario do Corpo Nacional de Policía de Vigo-Redondela, Ramiro Gómez, e o tenente coronel da Garda Civil, Manuel Touceda.
A subdelegada resaltou que "o dispositivo que fai posible as eleccións municipais é amplo e implica a moita xente, tanto funcionarios, como forzas de seguridade". Por todo iso, trasladou o seu agradecemento á todas as persoas "que fan posible que as eleccións discorran con normalidade".