Carolina Sertal e Carmen González, premiadas por axudar a tecer a rede das 'Mulleres que opinan'
Por Redacción
Carolina Sertal Souto, co artigo 'As voces perdidas', e Carmen González Magdaleno, con 'La ventaja de ser mujer', acaban de ser recoñecidas coa primeira edición dos premios de xornalismo de opinión en galego e castelán convocados pola Deputación e o Concello de Pontevedra con motivo do foro 'Mulleres que Opinan'.
Os galardóns contribúen a expandir este foro de xornalismo de opinión impulsado desde Pontevedra polas xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela, de maneira que as súas gañadoras xa forman parte da familia de 'Mulleres que Opinan'.
Estres premios buscan promover o exercicio da opinión xornalística e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras e están dotados con 1.000 euros cada un, ademais da publicación dos textos en xornais da provincia.
En 'As voces perdidas', Carolina Sertal parte dunha cita de Virginia Woolf que para ela marca un antes e un despois: "unha muller debe ter cartos e un cuarto propio para escribir ficción". Para ela, este foro pontevedrés é "ese cuarto propio negado acotío" e "un lugar cun chan sólido e nada pegañento sobre o que tecer unha rede segura co fío das que foron alumeadas co don da palabra". É, para ela, "un cuarto en cuxas paredes resoan as denuncias e as reivindicacións das mulleres valentes que xa non están dispostas a calar".
En 'La ventaja de ser mujer', Carmen González Magdaleno aborda a conferencia de Rosa María Calaf que pechou o foro en 2023 e conclúe que "cambió nuestra perspectiva haciéndonos ver que las mujeres somos mucho más que las primeras víctimas de toda desigualdad o recesión". Carmen González defende neste artigo que "en el periodismo, nosotras también somos garantía de humanidad y universalidad, completando la mitad que se cercena de todo relato por no incluir a las mujeres".
O xurado recoñeceu a calidade dos artigos premiados, en cuxos textos acreditan, como sinalaban as bases, ter asistido ao foro e terse inspirado nel para escribir opinión.
Presidido pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas, o xurado tamén estivo integrado pola técnica do servizo, Ana Isabel Amoedo; Susana Pedreira e Diana López Varela; as xornalistas Belén López (Diario de Pontevedra), María Obelleiro (Nós), Lara Graña (Faro de Vigo); a representante do CIM de Pontevedra Mercedes Renda; e Jesús Iglesias e María Conde como representantes respectivamente dos gabinetes de prensa do Concello e da Deputación.
Relacionadas:
-
Arranca 'As mulleres que opinan son perigosas', un "espazo de resistencia feminista" que cada ano segue crecendo
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
Olga Viza, Lucía Méndez, Jazmín Abuín e Patricia Fernández de Lis serán "opinadoras perigosas"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Trece mulleres "deslinguadas" dispostas a predicar coa palabra
-
"A nosa voz, o noso espazo. Os nosos dereitos", lema da Deputación na "intensa" programación do 8M
Por Oskar Viéitez |
-
Mara Torres e Rosa María Calaf liderarán a sexta edición do foro 'As mulleres que opinan son perigosas'
Por Alba Feijoo Alonso & Mónica Patxot |