Morre o empresario Ricardo Mirón, ex presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra
Por Redacción
O empresario Ricardo Mirón, presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra entre os anos 2006 e 2010, faleceu este mércores no Hospital Universitario Central de Oviedo.
Nacido en Pontevedra en 1947, Mirón levaba afastado da vida pública desde hai anos e residía actualmente en Asturias.
Foi un dos grandes construtores da cidade. Xunto co seu irmán Alberto estivo á fronte dunha das empresas máis emblemáticas de Pontevedra, Construcciones Casas Novas, que se fundou no ano 1985.
Ademais de numerosa obra privada, Casas Novas foi a empresa que fixo a primeira reforma urbana do centro histórico de Pontevedra. Súas foron as rehabilitacións de Curros Enríquez, Méndez Núñez, Praza da Verdura, Soportais, Don Gonzalo e Porta de Travancas.
Chegou á presidencia do ente cameral en 2006 para substituír a Manuel Durán Couto. Era unha institución que coñecía á perfección, xa que durante máis de dúas décadas formara parte do seu comité executivo, chegando a ser vicepresidente co seu antecesor.
Catro anos despois de asumir o cargo decidiu non continuar á fronte da Cámara de Pontevedra para centrarse en salvar á súa empresa da quebra. Non o conseguiu e Casas Novas desapareceu do armazón social da cidade.
Ademais da súa actividade empresarial, Ricardo Mirón foi vicepresidente do Pontevedra CF durante a etapa na que o seu irmán, Nino Mirón, presidiu a entidade granate.
O funeral por Ricardo Mirón será mañá venres, ás catro da tarde, na igrexa parroquial de San Roque de Pimiango, no municipio asturiano de Ribadedeva.