Cumio xudicial en Pontevedra para "propoñer solucións á actual situación da Xustiza"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Pontevedra será durante esta semana capital da xudicatura a nivel estatal coa celebración das XXI Xornadas de Presidentes/as de Audiencias Provinciais, unha cita anual que percorre as distintas provincias españolas e este 2023 se celebra na cidade.
A inauguración tivo lugar este luns no Pazo Provincial da Deputación e, nela, o anfitrión, o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez Estébanez, asegurou ante os seus compañeiros que nas súas mans está "buscar e propoñer solucións á actual situación da Xustiza".
O presidente en funcións do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o vogal Rafael Mozo, destacou que o encontro contribuirá a "construír unha Xustiza moderna e de calidade".
O encontro reúne en Pontevedra ata o mércores a 40 representantes provinciais e Mozo incidiu na necesidade de "traballar en equipo" para conseguir "unha Xustiza máis próxima á cidadanía".
A vogal do CGPJ Carmen Llombart Pérez, que dirixe as xornadas, destacou o labor que realizan os presidentes e presidentas das audiencias e pediulles que estes días expoñan as súas inquietudes, aspiracións e proxectos, para que as xornadas sexan "útiles" e contribúan "a seguir mellorando" a Xustiza.
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, considera que estes encontros son "moi relevantes" nun momento de "redefinición da organización da Xustiza" e insistiu na necesidade de reflexionar sobre a organización territorial da Administración de Xustiza.
Para o presidente do TSXG, tamén é necesario lograr o número de unidades xudiciais necesarias para que a Xustiza funcione correctamente e que a ratio de xuíces por cada cen mil habitantes "se asemelle á da Unión Europea", cuns medios tecnolóxicos "adecuados e compatibles entre comunidades autónomas, sen someter aos xulgados ao interrogante do resultado das videoconferencias".
En declaracións aos medios de comunicación antes da inauguración, Rafael Moro destacou que Pontevedra e, para os participantes, "unha das nosas cidades máis queridas, sempre nos tratou ben" e que estas xornadas teñen grande "importancia" para "o funcionamento e organización da Xustiza".
Moro non puido dar novidades sobre a posible creación de novas unidades policiais, que se abordará no Pleno do CGPJ do 29 de xuño, pero si avanzou que teñen previsto pedir ao Goberno 293 novas prazas xudiciais e as que pidan os distintos tribunais autonómicos. Desde Galicia, o TSXG propón, entre outras, a creación dun novo xulgado en Vilagarcía de Arousa e unha nova sala especializada en penal na Audiencia Provincial de Pontevedra.
A comitiva foi recibida na escalinata do Pazo Provincial polo deputado en funcións de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada en funcións de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e antes de participar na inauguración, asinaron no libro de honra da Deputación.
O deputado Carlos Font recolleu "o testemuño histórico" destas sinaturas "con agarimo" e destacou en nome da Deputación e de Carmela Silva o "inmenso honor" pola celebración destas "importantes xornadas".
Rematada a inauguración, as e os participantes nas Xornadas trasladáronse ao Castelo de Soutomaior para desfrutar dunha visita guiada polas instalacións e os xardíns da fortaleza.