A Intelixencia Artificial ábrese oco na décima edición das Xornadas de Farmacotecnia
Por Anxo Lourido
O auditorio Afundación de Pontevedra converterase en sede das X Xornadas de Farmacotecnia e Elaboración de Medicamentos durante o xoves 15 e o venres 16 de xuño, nunha proposta organizada polo Complexo Hospitalario Universitario de Potnevedra e a Fundación Biomédica Galicia Sur.
Máis de 180 profesionais farmacéuticos de toda España acudirán a este evento de innovación e coñecemento coa intención de actualizar conceptos técnicos.
A inaguración será o xoves ás 17.00 horas coa presenza do xerente da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores Airas; a presidenta da Sociedade Española de Farmacia, a doutora Olga Delgado Sánchez; a directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, María Jesús Lamas Díaz, que ofrecerá a conferencia inaugural; e o xefe de servizo de Farmacia da área sanitaria e presidente do Comité Organizador do evento, o doutor Carlos Crespo Diz.
Ao longo dos dous días ofreceranse relatorios e conferencias sobre avances na elaboración e control de medicamentos polos servizos de Farmacia Hospitalaria, normativas de preparación e diferentes experiencias e sistemas de comunicación en farmacotecnia.
Tamén se presentarán proxectos de investigación e innovación. O venres ofrecerase unha conferencia na que se tratarán os últimos avances no terreo da Intelixencia Artificial e Elaboración de Medicamentos, a cargo de José Luis Poveda, do Hospital Universitario e Politécnico a Fe de Valencia.
Ao longo das xornadas, o Comité Científico fará públicos os servizos de farmacia gañadores dos Premios FEM de Farmacotecnia e Elaboración de medicamentos, convocados para coñecer departamentos de Farmacia Hospitalaria que resultan referentes en farmacotecnia.