Comezan a instalar peraltes na estrada que une O Cruceiro, en Lérez, e a parroquia de Verducido
Por Redacción
Esta semana iniciáronse as obras de mellora da seguridade viaria na EP-0016 na parroquia de Lérez, no tramo que transcorre entre o lugar do Cruceiro, no Castelo, coa parroquia de Verducido.
O orzamento supera os 47.699 euros e as obras contemplan a construción de peraltes ou pasos sobreelevados para reducir a velocidade dos vehículos, limpeza de cunetas e a mellora da sinalización horizontal.
O Concello quere, con estas medidas, reduicir os excesos de velocidade e os accidentes detectados nesta vía. Tamén responde á demanda realizada pola asociación veciñal de Lérez e dos residentes no lugar, que alertan de situacións perigosas na zona.
As obras prolongaranse durante os próximos días pero non está previsto que afecte o tráfico, agás en momentos de cortes alternativos.