O ximnasio Budo pechará as súas portas de forma definitiva en Pontevedra o 30 de xuño
Por Manu Otero
O ximnasio Budo pechará as súas portas en Pontevedra de forma definitiva o próximo 30 de xuño. Os usuarios desta instalación situada na rúa Estación comezaron a recibir nos seus teléfonos móbiles unha mensaxe da empresa informando do inminente cesamento de actividade.
"Despois de 32 anos e a pesar dos nosos esforzos debemos dar por finalizada a nosa etapa xuntos. Razóns de peso tanto económicas como loxísticas fannos imposible o continuar. Centro Budo pecha as súas portas de forma definitiva o 30 de xuño. Agradecémosvos a vosa confianza todos estes anos", recolle a mensaxe enviada aos usuarios.
O propio xerente da entidade, Santiago Durán, confirmou este venres a decisión a PontevedraViva. "Somos un ximnasio moi persoal. Estamos a avisar presencialmente aos nosos usuarios e enviándolles un sms aos 2.400 socios que temos", explica o dirixente a prioridade da entidade nestes momentos. "Estamos a recibir moita empatía pola súa banda, queremos saír modélicamente", remarca Durán.
De feito, recoñece que os primeiros en recibir a comunicación foron os proxenitores dos menores que participan nos cursos de natación para que teñan máis marxe de manobra para buscar unha alternativa.
Sobre as razóns que levaron a este final, o xerente pide tempo para dar todas as explicacións. Con todo, puntualiza que "temos que saír, non nos queda outra" e argumenta que ao facelo agora garanten que "nos imos sen deixar nin unha soa factura sen pagar e sen ningunha nómina pendente".
O Centro Budo abriu as súas portas na rúa Estación no ano 1991. Ao longo destes 32 anos, ofreceron a todos os seus usuarios, uns 2.400 actualmente, un servizo próximo e de calidade con diversas actividades centradas na actividade física, a natación e outras disciplinas relacionadas co fitness.