Masiva manifestación para tecer "diversidades contra a violencia" no Orgullo 2023
Por Cristina Saiz & Redacción
A semana do Orgullo LGBTIQA+ de Pontevedra rematou este sábado por todo o alto, con festa e reivindicación. Durante toda a xornada, o parque dos Gafos acolleu a Festa do Orgullo 2023, con música e actividade variadas, e a tarde-noite estivo marcada por unha masiva manifestación polas rúas da cidade.
A manifestación percorreu Pontevedra entre o Hospital Provincial e a Praza de España, onde se leu un manifesto co lema "tecendo diversidades contra a violencia", o escollido para os actos do Orgullo 2023 na cidade.
Organizada por Avante LGBT Pontevedra, Arelas e Pinto e Maragota, esta acción reivindicativa centrouse na defensa dos dereitos das persoas trans e, en especial, dos nenos e novos, nun momento rodeado de polémica pola Lei Trans aprobada polo Goberno.
Ao remate da manifestación, con centos de persoas enchendo a praza de España, desde a organización, insistiron en que "o importante disto é que ante todo este odio nos unamos, participemos e organicemos cousas como esta".
Nos Gafos, a celebración foi máis lúdica. Comezou coa sesión vermú "con música (de moito) ambiente" ás 13.00 horas e rematou doce horas despois, á unha da madrugada, despois de tres horas de sesión DJ.
Doce horas continuas de música, un xantar colorido, obradoiros para elaboración de pancartas e chapas e mesmo unha biblioteca Colorida con títulos infantís e xuvenís de temática LGBTIQA+ á disposición das familias completaron a festa.