Concentración de sindicatos policiais: "Estamos abandonados pola Administración e a Xustiza tampouco nos entende"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os sindicatos Confederación Española de Policía (CEP), Sindicato Unificado de Policía (SUP) e Xustiza Policial (JUPOL) uníronse este martes para unha concentración ás portas da Comisaría da Policía Nacional en Pontevedra para denunciar "a falta dunha lexislación e medios que nos protexan tras un aumento exponencial das agresións que sufrimos".
Esta convocatoria chegou unha semana despois de que un home irrompese nesta mesma Comisaría armado cun cúter e un coitelo e acabase ferindo a un axente que tentaba reducilo.
Esta agresión, pola que o agresor ingresou nun centro psiquiátrico, uniu aos sindicatos policiais, que leron un comunicado no que denunciaron que 2022 finalizou con case 13.000 agresións a policías en España, máis de 35 ao día, unhas cifras "insostibles nun país democrático".
Tras a lectura do manifesto, o secretario xeral de CEP en Galicia, Agustín Vigo, sinalo que estas cifras de agresións son "unha barbaridade" mentres "a administración non está a facer nada". Para el, a mensaxe que se está lanzando desde a Administración á sociedade "é que por maltratar a un policía non pasa nada".
Critica, por exemplo, que as pistolas taser están "nunha caixa porque non se nos deu formación" e, en xeral, "non temos unha formación continua necesaria". En definitiva, "estamos abandonados pola Administración e a Xustiza tampouco nos entende".
Alejandro Cousiño, secretario provincial de JUPOL, e Roberto González, secretario galego do SUP, coinciden con estas afirmacións. "Estamos moi preocupados pola desprotección xurídica dos policías nacionais que sufrimos no noso día a día", explicou González.
O responsable do SUP engadiu a necesidade "imperiosa" de reformar o catálogo de postos de traballo, para que quede "adaptado á nova realidade social" e reiterou a demanda de que se cre un Unidade de Prevención e Resposta (UPR) na Comisaría de Pontevedra.
Os sindicatos sinalan que están "a observar con preocupación" como se incrementan "de forma exponencial" os detidos por atentado, resistencia e desobediencia en Pontevedra, que pasaron de 100 na provincia en 2019 a máis de 200 en 2022.
"Necesitamos que nos apoien para poder facer o noso traballo, necesitamos que se respecte a figura de autoridade", reivindica Roberto González.
No manifesto lido na Comisaría, os sindicatos aseguran "temos medo, por que como todo cidadáns queremos chegar ás nosas casas unha vez finalizada a xornada laboral". E é que sosteñen que "ten delito que recibamos malleiras a diario e non ter os medios necesarios para defendernos, que pisemos a rúa e agrídannos e insulten e non haxa un Goberno que poña as ferramentas para deter esta situación, e é que ser policía nestas condicións ten delito".
Relacionadas:
-
Policías nacionais e gardas civís piden a dimisión de Marlaska polo agravio salarial e de pensións en que continúan
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Solicitan que se condecore o axente ferido en comisaría e aos compañeiros que reduciron o agresor
Por Redacción |
-
O mozo detido por ferir un policía na Comisaría, ingresado e custodiado nun centro psiquiátrico
Por Natalia Puga |
-
Detido un mozo que feriu un policía dentro da propia Comisaría
Por Natalia Puga | Creada e actualizada