A nube de fume dos incendios de Canadá enturba o ceo das Rías Baixas tras viaxar máis de 5.000 quilómetros
Por Diego Espiño
A sensación de bochorno coa que comeza a semana nas Rías Baixas, con temperaturas de ata 30 graos de máxima, vese agravada pola nube de fume da gran vaga de incendios que arrasa Canadá, que se empezou a sentir en Galicia tras atravesar todo o Océano Atlántico.
"Na imaxe do satélite pódese distinguir, ademais das nubes de tormenta sobre a Península e as néboas costeiras do Cantábrico, unha banda entrando polo noroeste de Galicia. Como vemos no modelo CAMS trátase de fume con orixe nos incendios de Canadá", confirmaba a última hora do domingo MeteoGalicia.
Na imaxe do satélite pódese distinguir, ademáis das nubes de tormenta sobre a Península e as brétemas costeiras do Cantábrico, unha banda entrando polo noroeste de #Galicia. Como vemos no modelo CAMS trátase de fume con orixe nos incendios de Canadá.
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) June 25, 2023
https://t.co/8MfeTyhq4h pic.twitter.com/Zm1YSpSIQY
A nube de fume viaxou máis de 5.000 quilómetros impulsado polas correntes de aire chegando este luns a Europa, empezando por Galicia.
Non en balde a vaga de incendios que arrasa Canadá é unha das maiores que se lembran no país norteamericano. De feito o Centro Interagencial Canadense de Incendios Forestais (CIFFC) informa este mesmo luns 26 de xuño que a pesar de todos os días que levan combatendo contra o lume seguen sendo 462 os incendios activos que monitoriza, 237 deles considerados como fóra de control repartidos ao longo de todo o territorio.