O Concello aproba o convenio coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil na estrada de Tomeza
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este martes o convenio de colaboración coa Deputación para acometer o proxecto de mellora da mobilidade peonil da estrada de Tomeza, coincidente co Camiño de Santiago, a denominada estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido.
O convenio elévase ata os 1,74 millóns de euros que serán financiados polo goberno provincial nun 80% e o 20% restante será por conta do Concello.
Así o anunciou este martes o concelleiro de Obras, César Mosquera, que expresou o seu convencemento en que sairá adiante xa que todos os grupos estiveron de acordo no seu momento en impulsar o proxecto.
Mosquera confirmou que está todo o expediente listo para a sinatura do convenio e a licitación, aínda que recoñeceu que co cambio de Corporación probablemente teña unha demora dun ou dous meses.
A actuación na vía mellorará 2,5 quilómetros creando unha senda peonil de 2,5 metros de largo pola marxe esquerda. Nas dúas zonas nas que o ancho da vía non permite o ancho mínimo da senda construirase unha plataforma única de coexistencia.
Tamén serán colocados pasos de peóns elevados nalgúns puntos para facilitar a unión das vivendas con esta senda, amais de lograr un calmado do tráfico na vía, polo que será unha actuación integral.
Destinaránse 19.835,96 euros para o pago das cesións e expropiacións, que deberá asumir o Concello, ao igual que a xestión de licencias e autorización doutros organismos.
Relacionadas:
-
A Deputación aproba o convenio para dotar dunha senda peonil á estrada O Marco-Tomeza-Figueirido
Por Oskar Viéitez |
-
Xosé Manuel González Abal reincorpórase no seu posto como intendente da Policía Local de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A mellora da estrada de Tomeza, pendente da sinatura do convenio entre o Concello e a Deputación
Por Oskar Viéitez |