Óscar Ibáñez & Tribo levan o seu folk a Alemaña e Francia
Por Oskar Viéitez
Óscar Ibáñez & Tribo levan a súa música folk a Alemaña e Francia, concretamente aos festivais de Rudolstadt e Le Son Continu son dúas citas das máis importantes de Europa para artistas, luthiers, artesáns de instrumentos e público interesado nas músicas de raíz.
Segundo explica Óscar Ibáñez estes dous festivais teñen en común tamén que os concertos son de pago, "neste sentido iso contrubúe á posta en valor das músicas tradicionais, con independencia de que tamén podan recibir achegas institucionais".
O pasado 2 de xuño o Festival de Rudolstadt publicaba nas súas redes que venderan a totalidade das 20.000 entradas ofertadas. Este festival acolle uns 300 concertos en 4 días.
"Pois ahí estaremos levando un cachiño da nosa terra, nun espectáculo de música do país súper dinámico e enérxico, de altísma calidade artística, os músicos da miña Tribo non teñen nada que envexar aos dos mellores grupos cos que imos compartir escenario", asegura o gaiteiro pontevedrés.
"Imos a dalo todo, temos preparamos un gran concerto que non vai deixar indiferente ao público europeo. Estas dúas citas internacionais son unha gran oportunidade para difundir o noso gran patrimonio musical alén das nosas fronteiras e a mosar a gran calidade da nosa música e dos artistas galegos. Estou seguro de que tamén abriranos as portas de festivais doutros países para futuras xiras", engade.
Estes dous concertos en Francia e Alemaña son asumidos "con moita ilusión, emoción e responsabilidade, con todas as gañas de disfrutalo e de que o público namore da música galega a través da nosa proposta".
Óscar Ibáñez explica que "traballamos moito neste espectáculo, estamos preparados, confío plenamente no gran potencial da nosa proposta artística así como do dos meus músicos, mañán darémolo todo, estou completamente seguro de que será un éxito!!".
Xunto a Óscar Ibáñez, viaxan Jesús Iglesias (acordeón), Paula Gómez (violín), José Liz (bouzouki), David Guerreiro (baixo), Carlos Castro (batería/percusión), Teresa Gómez (zanfona), Xosé Romero (gaita), Andrea Rodríguez (gaita), Álvaro Puga (gaita), Gloria Cespón (gaita), Adrián García (gaita/pandeireta) e Ezequiel Orol (técnico de son).
"Levo unha banda numerosa porque aposto pola música 100 % en directo. Como te imaxinas implica unha importante inversión en loxística", sinala Óscar.
Para o desprazamento ao festival contan cunha achega da AGADIC da Xunta de Galicia dirixida á distribución exterior da música galega.
A xira comezou en Portas no pasado mes de abril, depois estiveron en maio no Auditorio de Oviedo co gallo do día Europeo del Camino, en xuño no importante festival folk Folkomillas (Comillas, Cantabria). E estarán entre agosto e setembro no Raba Folc (Rábade, Lugo); no festival Festifalk, no que farán 4 concertos en poboacións do interior de Teruel; Festa Folk na Fin do Camiño (Fisterra); Valongo (Portugal) e no Festival Internacional Celta Reino de Llion (Leon), entre outros. Case todos son concertos fóra de Galicia.