Abre este luns o despacho de billetes da praza de touros para comezar coa renovación de abonos da Feira da Peregrina
Por Redacción
O despacho de billetes do coso pontevedrés de San Roque abre este luns 17 para comezar coa venda de entradas para a próxima Feira Taurina da Peregrina que este ano terá lugar os domingos 6 e 13 de agosto. O primeiro festexo componse con reses de Alcurrucén para Sebastián Castella, Roca Rey e Tomás Rufo; e no segundo se acartelan Morante de la Puebla, El Juli e Manzanares con touros de Santiago Domecq.
Así, desde o luns 17 ata o xoves 20 procederase á renovación dos abonos da tempada anterior e a partir do venres 21 e durante o sábado 22 poderanse adquirir novos abonos. A venda de localidades comezará a semana seguinte, a partir do martes 25 de xullo e ata a conclusión da Feira. O horario de atención ao público será de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde.
Os prezos oscilan desde os 115 euros da barreira de sombra ata os 40 euros para tendidos altos. Tamén se aplican prezos especiais para xubilados, parados e mozos con prezos entre os 40 e os 15 euros, lembrando que está prohibida a entrada a menores de doce anos. Este ano rexístrase unha subida de cinco euros nas entradas de tendidos baixos e palcos.
Completarase a Feira o martes 15 de agosto co espectáculo 'Duende ecuestre'. Os tres festexos comezarán ás sete da tarde.