San Ginés de Padriñán reivindica a historia dun dos edificios "máis emblemáticos" de Sanxenxo
Por Redacción
A parroquia de San Ginés de Padriñán, en Sanxenxo, acaba de publicar o libro La nueva iglesia parroquial de San Ginés de Padriñán. Historia y ser de un sueño hecho realidad, co que pretende reivindicar a historia dun dos edificios "máis emblemáticos" da vila.
A publicación busca tamén lembrar as figuras que, no seu momento, impulsaron e posibilitaron a súa construción no centro da vila. Así, relata o "tesón" do párroco Ramón Somoza, ao que chegaron a chamar tolo por pedir un templo que albergase 800 persoas sentadas tras detectar que o atractivo turístico do municipio xa nos anos 60 imposibilitaba dar cabida na pequena capela a todas as persoas que ían ás celebracións litúrxicas durante o verán.
O proxecto asinado polo madrileño Gaspar Robles Echenique, veraneante do municipio, foi aprobado en 1965 e terminado en 1976. Ao longo das súas 246 páxinas faise un percorrido desde a idea dunha nova edificación ata o proceso final de construción, así como polas persoas craves no proxecto como o párroco Ramón Somoza; o actor que cedeu parte do seu solar, Manuel Morán; o arquitecto Gaspar Robles Echenique e o mentor e cóengo amigo de Ramón Somoza, Alejandro Barral Iglesias.
A primeira edición do libro conta con 300 exemplares que xa se poden adquirir no propio templo ou na Librería Nós por un prezo de 18 euros.
A obra presentarase o vindeiro mércores 26 de xullo no Novo Templo ás 20:30 horas, pero antes o actual párroco, Samuel García, e un dos coautores, José Manuel García Iglesias, regalaron ao alcalde uno dos exemplares asinados.
A exemplar conta cunha presentación do arcebispo Julián Barrio, a introdución do párroco Samuel García e os textos de Isidoro Sabell, Alejandro Barral Iglesias e José Manuel García Iglesias.