As Festas da Peregrina xa teñen pregoeira: a dirixente veciñal Pilar Señoráns
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e17/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64b92239e7-20230720-saiz-peregrinas-pregonera-pilar-senorans-0088.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/7f8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/64b9225bb7-20230720-saiz-peregrinas-pregonera-pilar-senorans-0105.jpg)
© Cristina Saiz
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/add/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64b92275c0-20230720-saiz-peregrinas-pregonera-pilar-senorans-0010.jpg)
© Cristina Saiz
Pilar Señoráns, unha das referentes do movemento veciñal de Pontevedra, será a pregoeira das Festas da Peregrina 2023. "É un orgullo e tamén unha forte responsabilidade", sinalou a presidenta da asociación de veciños de Santa María.
Ela é, desde os anos noventa, unha das persoas máis activas do movemento asociativo pontevedrés e, como destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, unha figura clave na recuperación da contorna de Santa María e do centro histórico.
"Pilar é unha persoa que está permanentemente na actividade e na actualidade do movemento veciñal desta cidade. É unha persoa colaboradora, unha persoa que nos fai un pouco mellores a todos e que nos apreta as castañas ao goberno para facer cousas", destacou o alcalde.
Fernández Lores encomiou de Pilar Señoráns que sexa unha muller que sempre achega propostas "creativas" para mellorar a cidade e o centro histórico, que sexa unha "firme defensora" do patrimonio relixioso, arquitectónico e civil e que é unha persoa "implicada" cos seus veciños.
O seu pregón será o sábado 12 de agosto, ás 12:00 horas, desde o balcón da casa do concello da Praza de España, que se recupera para este evento tras a súa rehabilitación integral.
Señoráns recoñeceu que esta responsabilidade como pregoeira chegou a quitarlle horas de soño porque "non sei se son merecedora", pero defendeu que en todo caso "algo faría ou algo faríamos, pois as cousas nunca se fan soas e eu teño moita xente detrás".
"Levei unha sorpresa coa proposta. Sei que é polo traballo que levamos feito coa asociación de veciños. Sempre pedimos pero coido que sempre dunha maneira axeitada, tamén dando ao mesmo tempo, achegando algunhas solucións", sostivo a pregoeira.
A este respecto, defendeu que "cando un vive os problemas víveos dunha maneira e é posible tamén pensar solucións que os que están nos despachos doutro xeito non ven".
O regreso do pregón á casa do concello engade nela certos nervios a maiores, pero entende que a cidadanía de Pontevedra "demandaba desde hai tempo que o pregón sexa aquí" e que as festas arranquen desde este lugar tan emblemático para todos.
Relacionadas:
-
O pregón das Festas da Peregrina, o 'aperitivo' para reabrir unha renovada casa consistorial
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra busca ser un "fervedoiro" cunhas Festas de Verán convertidas no 'Pontevedra Verán Fest'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Vanesa Martín, La M.O.D.A., Cruz Cafuné, Pimpinela, Recycled J ou Baiuca, nas Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |